Orixes

No ano 2008, un grupo de profesores e profesoras do ensino público procedentes de diversos puntos de Galicia, reúnense na comarca da Barbanza e fundan o grupo Rodaxe para dar saída ás súas inquietudes comúns no mundo audiovisual.

Desde o 2010, froito do traballo deste grupo, vénse celebrando anualmente o Festival Audiovisual Olloboi, orientado ó ámbito escolar desde o ensino primario ata o superior.

No ano 2012 o grupo Rodaxe decide constituírse en asociación sociocultural sen ánimo de lucro e pasa a denominarse Marearte primeiro e Olloboi desde xaneiro do 2016, incorporando profesionais de ámbitos alleos á docencia e ampliando a súa actividade a todo tipo de expresión artística.

Que é Olloboi?

Olloboi é un certame audiovisual escolar que transcorre nunha plataforma web os 5 primeiros meses do ano e culmina a última semana de maio con diversos actos presenciais: proxeccións, unha entrega de premios e un encontro de xoves creadores e creadoras, profesorado e profesionais do audiovisual. Trátase dun proxecto independente e sen ánimo de lucro que se nutre do traballo e a ilusión dos socios fundadores da Asociación Olloboi.

Por que Olloboi?

En Galicia hai moitas pequenas iniciativas promovidas desde diversos centros educativos. Olloboi naceu como un colectivo de profes preocupados porque no panorama da cultura galega non haxa un recoñecemento explícito destas iniciativas audiovisuais escolares. Aportamos o noso gran de area canalizando a solidariedade a través da creatividade, organizando este certame que premia a orixinalidade, arte e compromiso dos traballos de moitos futuros profesionais.
Olloboi aspira a ser plataforma da canteira do audiovisual galego.

Soci@s Fundadores

  1. Manuel Álvarez, profesor de Plástica no CPI P. Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro
  2. Manuel Garrido, profesor de Plástica no IES Leliadoura de Ribeira
  3. Óscar Aguado, profesor de Informática no IES Leliadoura de Ribeira
  4. Susana Diz, licenciada en Belas Artes e experta en comunicación gráfica
  5. Ana Moreiras, profesora de Tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro

Como o facemos

Os custes do noso festival non son grandes porque capitalizamos o noso traballo: os propios organizadores creamos a aplicación web, levamos a comunicación e publicidade, producimos o evento e realizamos o grafismo. Calquera destes aspectos foi moi eloxiado pola prensa e os participantes das edicións anteriores.

A pesar de que o núcleo de traballo somos 4 profesores e unha artista gráfica, cada ano son máis as colaboracións coas que contamos, e que enriquecen moito o resultado obtido.

Moreas de Cómplices

  1. Exalumnado e exparticipantes
  2. Concello, Centro Social de Boiro e Mancomunidade de Arousa Norte
  3. Pequenas e medianas empresas e comercios da Arousa
  4. “Profesorado cómplice” en diversos centros de Galicia
  5. Profesionais do audiovisual e a cultura galega: nas últimas 4 edicións tivemos cómplices directores (Alfonso Zarauza, Luis Avilés, Enrique Otero), escritores (Agustín Agra e Andrés Mahía), actores e actrices (Miguel de Lira, Antonio Durán Morris, Karra Elejalde, Mónica García, X.A. Touriñán, Federico Pérez, Sabela Hermida, Camila Bossa, etc), xestores audiovisuais (Manolo González, María Yáñez, Carlos Ares).
  6. Academia Galega do Audiovisual a través da Rede de Festivais Galegos

Outros Datos sobre Olloboi

Queres saber aínda máis?